Carta de Daniel Chapela: O conto da criada (Margaret Atwood)

Prezada lectora, 

A construción da literatura dun país non se produce no seu illamento, senón que precisa do contacto con outros circuítos culturais. Se analizásemos moitas das grandes obras da nosa nación, achariamos nelas a pegada de autores como Baudelaire, Woolf, Heine etc. Por iso, a tradución tórnase en elemento imprescindible para todas nós. Malia ser un labor fortemente ignorado e cunha gran falta de apoio das institucións, na Galiza contamos con diferentes editoriais especializadas neste eido. Unha delas é Irmás cartoné.

Esta editorial, que leva varios anos achegando obras universais ao galego, publicou o pasado ano O conto da criada. A obra, que obtivo un gran pulo nos últimos tempos, é unha distopía feroz sobre a especie humana. Porén, malia ese carácter imaxinario, hai algo en todo o que se narra que nos debe inquietar: a posibilidade de estarmos ante unha distopía-realidade. Non é difícil que, durante a súa lectura, establezamos nexos entre os feitos que o libro contén e os que vivimos na nosa historia e na actualidade mundial. A represión cara á muller, a diminución do seu poder adquisitivo ou a concepción delas como órganos fértiles, son simples exemplos que ilustran a súa factibilidade. 

Todos estes elementos aparecen relatados a través dunha escrita áxil e enormemente descarnada. As mulleres dos EUA, após un golpe de Estado, pasarán a estar totalmente sometidas ao home, que as emprega con fins simplemente reprodutivos e de coidados –seguramente, estás identificando isto con discursos reaccionarios como o de VOX. Esta realidade cóntase a través do diario dunha desas mulleres, conseguindo a nosa entrada na obra grazas á narradora-protagonista, á que Atwood lle dá unha voz totalmente veraz. A soidade total, a ausencia de vínculos reais e as relacións de poder nun entorno hostil marcan o ritmo dunha das grandes obras do feminismo contemporáneo.

Desexo fondamente que che guste.

Ficha técnica
Título: O conto da criada
Autora: Margaret Atwood
Tradutorxs: Celia Recarey e Carlos Valdés
Páxinas: 432
Editora: Irmás Cartoné
Prezo: 19,5€

Deixar un comentario

Website Built with WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos